Nova

Fabiola García denuncia que a paralización do Plan de choque da Xunta responde a un afán recadatorio do Goberno central

Advirte que o Executivo central pretende copiar as homologacións automáticas de discapacidade polas que presentou o recurso ante o Constitucional e coas que deixou de recadar 114M€ no 2025 en Galicia

Avanzou que a suspensión desta medida obrigará os dependentes galegos a someterse a unha dobre valoración, cos correspondentes atrasos e trastornos burocráticos

Volveu esixirlle ao Goberno central que cumpra a Lei e achegue o 50% da financiación da factura da dependencia en Galicia, que acumula unha débeda de 2.900 M€


Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta tarde a residencia pública autonómica Porta do Camiño en Santiago, onde aproveitou para volver denunciar a paralización do Plan de choque da Xunta por parte do Goberno central, que interpuxo un recurso contra as homologacións automáticas de dependencia e discapacidade.

A conselleira advertiu que o propio Executivo central pretende copiar as homologacións automáticas polas que presentou o recurso e que xa permitiu recoñecer a discapacidade automaticamente a máis de 12.500 dependentes galegos, ao tempo que se reduciron os tempos de agarda. Polo tanto queda claro, recalcou, que a única motivación do Goberno central é recadatoria, pois con esta simplificación dos trámites deixou de recibir 114 millóns de euros durante o 2025 en Galicia.

Do mesmo xeito, Fabiola García tamén denunciou o que considera un trato “desigual, inxusto e inaceptable” do Goberno central con Galicia, actuando, segundo dixo “dun xeito que nunca se atrevería a facer con comunidades como Cataluña ou País Vasco”. 

Ademais disto, a conselleira avanzou que a paralización do Plan de dependencia suporá novos atrasos e trastornos burocráticos para os dependentes galegos que, por esta decisión do Goberno central, deberán someterse a unha dobre valoración. Isto supón “máis trámites, atrancos e  máis tempos de espera”.

Por último, insistiu en que a Xunta seguirá reclamando ao Goberno central que cumpra coa Lei de Dependencia e asuma o 50% do custo do servizos, “en lugar de reducir a súa achega ano tras ano”. Fabiola García asegurou que este déficit no financiamento está a carrexar unha importante débeda con Galicia, que neste 2026 chegará aos 2.900 millóns de euros. Neste sentido, incidiu en que a Xunta “demanda para Galicia o mesmo compromiso que o Executivo central ten co goberno vasco: un financiamento a partes iguais da dependencia”.