Nova
A Xunta chegou o ano pasado a preto de 23.000 persoas a través das accións informativas, formativas e de sensibilización dos centros Quérote+
Ademais, este servizo público desenvolveu máis de 530 obradoiros dirixidos á mocidade e ás familias en centros educativos, concellos e entidades
A maior parte das consultas recibidas e accións formativas realizadas tiveron como temática o eido da sexualidade
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2026
Os centros Quérote+ da Xunta de Galicia tiveron un alcance de 22.843 persoas durante o pasado ano. Así se detalla na memoria de 2025 sobre o funcionamento destes recursos públicos de atención especializada á xuventude, ás súas familias e a profesionais que traballan no eido xuvenil.
Os eidos de intervención de Quérote+ corresponden a sexualidade, a promoción da diversidade sexual, a atención específica ao colectivo LGBTI, o benestar emocional, a realización de probas rápidas de VIH e VHC, e a promoción do botrato e a prevención e loita contra a violencia de xénero. A actividade destes servizos aséntase en tres piares: área de información, asesoramento e acompañamento; área formativa; e área de participación e sensibilización.
O balance de actividade da primeira destas áreas reflicte que estes recursos atenderon 4.838 consultas, case o 67% das mesmas de maneira presencial ou telefónica e o resto recibíronse por redes sociais e a través da páxina web, e por aplicacións de mensaxería instantánea (Whatsapp e Telegram). En relación coas temáticas destas consultas, o eido da sexualidade continúa a ser o que maior número de consultas motiva con 2.572, o que supón o 53% do total, e en segundo lugar sitúanse as relacionadas co benestar emocional, con 1.160. Cómpre salientar, que tamén se atenderon 339 consultas específicas do colectivo LGBTI, nove sobre LGBTifobia e 122 sobre violencia de xénero.
En canto aos rangos de idade, os que máis consultas realizaron foron as mozas e mozos de entre 14 e 18 anos, que supuxeron o 26,29%, seguidos das persoas maiores de 30 anos, que sumaron un 24,1%.
No que atinxe ás accións formativas, os centros Quérote+ realizaron preto de 500 obradoiros nos que participaron 11.904 persoas. Concretamente, leváronse a cabo 467 obradoiros en 189 centros educativos con case 10.500 participantes.
A oferta do catálogo formativo dos centros Quérote+ diríxese á mocidade, ás familias e a profesionais dos ámbitos educativo, sanitario e que traballan no eido xuvenil. A sexualidade continua a ser a temática máis demandada tamén nas accións formativas, representando máis do 86% dos obradoiros realizados nos centros de ensino. O benestar emocional, a promoción da igualdade e o botrato e a prevención da violencia de xénero son outras temáticas que se abordan nestes obradoiros.
En 2025, as accións formativas de Quérote+ chegaron tamén a 22 concellos e entidades, con 415 persoas participantes, e estendéronse aos centros de atención a persoas con discapacidade, onde se realizaron 11 obradoiros, con 166 asistentes. No eido relativo ás familias, leváronse a cabo 36 obradoiros nos que participaron 691 persoas. O obxectivo destas formacións familiares, que tratan sobre educación sexual e benestar emocional, é crear un espazo seguro e amable onde poder falar das dúbidas, preocupación e dificultades na crianza.
En canto ao terceiro piar do servizo Quérote+, a participación e a sensibilización, leváronse a cabo 23 accións nas que participaron máis de 6.000 persoas. Entre estas iniciativas destacan as xornadas de benvida nas Universidades públicas galegas ao inicio do curso, a instalación de mesas informativas en diversos lugares de afluencia xuvenil, como facultades e bibliotecas universitarias, ou o traballo de divulgación a través das redes sociais. Precisamente, as redes sociais de Quérote+ (Instagram, Facebook, X, etc.) suman máis de 17.300 seguidores.
Cinco centros e un equipo mutidisplinar
A rede pública Quérote+ está formada por cinco centros situados na Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela e dispoñen dun equipo de profesionais formado por 12 persoas das áreas do traballo social, a educación social e psicoloxía. Contan tamén con persoal titulado co posgrao de sexoloxía e acreditado para impartir formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero.