Nova
A Xunta destaca a súa aposta pola empregabilidade feminina en ocupacións masculinizadas como as tecnolóxicas
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou na xornada ‘Tecnolóxicas’, organizada por Asime
Vigo, 30 de xaneiro de 2026
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta mañá na xornada Tecnolóxicas, organizada pola Asociación da Industrias do Metal e Tecnoloxía Asociadas de Galicia (Asime) co financiamento da Xunta. Este proxecto ten como obxectivo visibilizar referentes femininos, achegar a industria e a tecnoloxía ás mulleres máis novas, e fomentar a súa participación en ámbitos formativos e profesionais STEM: ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas.
A xornada contou coa participación de mulleres referentes do ámbito industrial e tecnolóxico, que compartiron a súa experiencia, traxectoria e visión sobre os retos e oportunidades do sector. Durante a súa intervención, a directora xeral de Promoción da Igualdade destacou a necesidade seguir avanzando na igualdade laboral. Neste sentido, lembrou que, por exemplo, no ano 2023 tan só o 17% do emprego do sector do metal en Galicia era feminino, a pesar de que existía necesidade de cubrir postos de traballo.
Tendo en conta isto, María Quintiana explicou que desde a Xunta xa se está traballando precisamente na primeira Estratexia de emprego feminino en sectores masculinizados, para seguir avanzando e sentando as bases da inserción laboral das mulleres en eidos nos que teñen pouca presenza.