Nova

A Xunta promove a contratación de vítimas de violencia de xénero en entidades locais para contribuír a súa emancipación e independencia

Roberto Barba lembrou que segue aberto o prazo para solicitar estas achegas que contan cun orzamento de 2,5 M€


Ferrol, 28 de xaneiro de 2026

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, reuniuse esta mañá coa concelleira de Muller e Igualdade do concello de Ferrol, Elvira Miramontes, para facer balance da convocatoria de achegas – da que se beneficiou esta corporación os dous últimos anos - para a contratación por parte de entidades sociais de mulleres vítimas de violencia de xénero e que contribúe a súa emancipación e independencia económica.

Roberto Barba sinalou que con esta orde a Xunta busca ofrecer ás entidades ou concellos ferramentas que permitan estender a colaboración interinstitucional e chegar a todas as mulleres en situación de vulnerabilidade. En concreto, esta liña de achegas, dotada con 2,5 millóns de euros,  fomenta a súa contratación e promove a súa inserción laboral como garante da súa autonomía persoal.

Deste xeito, durante a xuntanza abordaron a traxectoria das doce mulleres contratadas polo Concello de Ferrol ao abeiro deste programa e que desenvolveron diferentes tarefas administrativas en diferentes postos da corporación, adquirindo así novos coñecementos e ferramentas que facilitan a súa inserción ao mercado laboral.

Neste sentido, o director xeral trasladou o compromiso da Xunta de seguir traballando da man coas entidades locais e con todo o tecido asociativo para impulsar accións que ademais de previr a violencia de xénero, poidan contribuír á recuperación de todas as vítimas. Por iso, animou ao concello de Ferrol e ao resto de corporacións a sumarse a este programa de achegas que mantén o seu prazo de solicitude aberto ata o 27 de febreiro.