Nova
Belén do Campo destaca que a Xunta reserva máis de 1,6 M€ para a continuidade ás 18 casas niño da provincia da Coruña ata o 2028
A delegada da Xunta destacou que o obxectivo destas achegas é manter este recurso e seguir atendendo ás necesidades de conciliación da vida persoal e laboral das familias nos concellos rurais de Galicia nos que están establecidas
Aranga (A Coruña), 28 de xaneiro de 2026
A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto co alcalde de Aranga, Alberto Platas, visitaron a Casa Niño de “Tartaruga”. Na visita valorou como moi positivo o balance das casas niño, un servizo pioneiro que Galicia comezou a implantar hai dez anos e que está a ser imitado por outras comunidades autónomas.
Belén do Campo fixo fincapé nas moitas vantaxes que se derivan da posta en marcha destas instalacións. Por unha parte, axudan a fixar poboación, ao dar opcións de conciliación tamén nos concellos máis pequenos e facelos, así, máis atractivos; ao tempo que xeran postos de traballo dos profesionais que as xestionan. “Queremos que a xente quede a vivir nos concellos do rural”, sinalou a delegada, quen asegurou que, para iso, cómpre apostar por ofrecer “servizos de primeira categoría” en todo o territorio.
Orde 2025
Galicia rematou o ano con 5 casas niño na comarca de Betanzos: Irixoa, Vilasantar, Aranga, Paderne e Vilarmaior, con 25 prazas dispoñibles grazas a unha axuda total de case 410.000 euros, e con 18 na provincia con 90 prazas ofertadas en total que contan cun orzamento para o seu funcionamento de máis de 1,6 millóns de euros. O financiamento da Xunta concedeuse a través dunha orde de axudas plurianual, que xa foi resolta para o período 2025-2028.
A comunidade autónoma ten na actualidade máis de 100 casas niño en servizo distribuídas por todo o territorio, entre as que suman máis de 500 prazas gratuítas para nenos de 3 meses a 3 anos cun orzamento de 10,5 millóns de euros.
Ademais, lembrou que estas axudas contan cunha achega complementaria de 150 euros semanais durante o tempo que dure a baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada do servizo.
O obxectivo é dar continuidade a este recurso e seguir atendendo ás necesidades de conciliación da vida persoal e laboral das familias nos concellos rurais de Galicia nos que están establecidas.
Ademais de garantir a atención personalizada e gratuíta a nenos ata os 3 anos de idade, estas axudas tamén se puideron destinar á reposición do equipamento cunha achega adicional de 1.500 euros, así como do material didáctico e de xogos; e a obras de reforma, mantemento ou eficiencia enerxética.
Hai que lembrar que a Xunta incluíu nesta convocatoria un incremento de case o 5 % da axuda que viñan percibindo as titulares das casas niño e que se poderán acoller a ela aqueles centros que leven funcionando máis de tres anos. Este aumento supón elevar ata os 29.000 euros a contía anual que reciben as promotoras destes equipamentos. O obxectivo é que poidan facer fronte ao incremento de gastos derivados da subida da luz ou das pólizas de seguro.
Recursos no rural galego
Cada casa niño atende un máximo de cinco nenos, de xeito flexible e con garantías de seguridade e calidade, dado que se esixe unha formación ou experiencia profesional específica e impóñense requisitos e normas de seguridade nos inmobles. Estes servizos ofrecen unha atención integral e personalizada con carácter gratuíto na modalidade de atención diúrna e de luns a venres.
Esta axuda forma parte das iniciativas que ten en marcha o Goberno galego para apoiar ás familias, tales como a gratuidade das escolas infantís, a tarxeta benvida, ou o Bono Concilia Familia.