Nova
A Xunta abre hoxe a convocatoria de achegas para programas de atención a mulleres en situación de vulnerabilidade
Esta liña está destinada ás entidades sociais e conta cun orzamento de 1,8 millóns de euros para iniciativas de apoio, acompañamento ou inserción social
O Goberno galego tamén publicou esta semana a orde de axudas para o pago de indemnizacións ás vítimas de violencia de xénero
Lugo, 27 de xaneiro de 2026
A Xunta abre hoxe o prazo para que as entidades sociais poidan solicitar as achegas da convocatoria destinada a programas de apoio e atención integral a mulleres en situación de vulnerabilidade. Así o explicaron a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e o delegado territorial en Lugo, Javier Arias, nunha visita á asociación Aliad Ultreia que conta cunha iniciativa beneficiada o pasado ano por esta mesma orde.
En concreto, nesta entidade lucense o programa beneficiario é Senlleiras, que presta atención integral – xurídica, social ou psicolóxica- a vítimas de violencia de xénero sen recursos, a reclusas, a mulleres con problemas de adiccións ou migrantes. De feito, no ano 2025 esta iniciativa permitiu chegar a 128 usuarias.
Durante a visita, María Quintiana lembrou que esta orde de achegas, publicada onte no Diario Oficial de Galicia, está destinada ás entidades sociais e conta cun orzamento de 1,8 millóns de euros, cofinanciados pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e beneficiaranse accións para prestar atención integral e personalizada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade: vítimas da violencia de xénero, de explotación sexual, laboral ou de trata; mulleres migrantes ou pertencentes a colectivos étnicos minoritarios; emigrantes retornadas, refuxiadas ou reclusas.
Así mesmo, indicou que as iniciativas beneficiadas con esta orde deberán centrarse na atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación, adquisición de habilidades persoas e sociais e apoio e orientación laboral e o montante máximo por proxecto será de 40.000 euros e o prazo rematará dentro dun mes.
Axudas para a indemnización de vítimas de violencia de xénero
O Goberno galego tamén publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de achegas destinada ao pago de indemnización de mulleres vítimas de violencia de xénero. Trátase dunha orde cun orzamento de algo máis de 2,7 millóns de euros, sendo a contía máxima de 6.000 euros por cada persoa beneficiaria. Neste caso, o prazo para a presentación de solicitudes comezará transcorridos cinco días hábiles desde a publicación desta orde no DOG e rematará o 27 de novembro de 2026.