Nova

A Xunta comproba o resultado das obras do novo centro de día municipal de Ramirás nas que investiu máis de 430.000 euros

O centro emprázase na antiga escola de Freás de Eira e ten capacidade para atender a 20 persoas maiores

Esta actuación é unha das máis de vinte que financia o Executivo autonómico no marco do Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais de titularidade municipal


Ramirás (Ourense), 27 de xaneiro de 2026

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, comprobou hoxe o resultado das obras do novo centro de día municipal de Ramirás, recentemente rematadas tras un investimento de case 432.000 euros por parte da Administración autonómica. Na visita tamén participou o delegado territorial da Xunta de Galicia, Manuel Pardo, a alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil, e o presidente da Mancomunidade de Terras de Celanova e alcalde de Cartelle, Jaime Sousa.

Perfecto Rodríguez explicou que este novo recurso mellorará a atención ás persoas maiores da localidade, poñendo a disposición deles 20 prazas de atención diúrna. O Goberno galego asumiu o 100% do custo das obras, coas que se reformou por completo a antiga escola de Freás de Eiras para adaptala para este novo servizo, cuxa xestión dependerá do Concello.

Esta actuación é unha das máis de vinte que está a sufragar a Xunta a través do Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais de titularidade municipal. Un plan acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) dotado de 18,5 millóns de euros de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU). Deste orzamento, case 12 invístese en proxectos da provincia de Ourense.

O xerente do Consorcio destacou o compromiso do Executivo autonómico cun modelo de atención e coidados baseado na calidade e na proximidade. Neste sentido, indicou que o Plan de Investimentos está destinado a concellos rurais de menor poboación e que permitirá reforzar a rede local de recursos para as persoas maiores.