Nova
A Xunta convoca a primeira edición do concurso ‘O noso canto: máis voces, máis igualdade’ para centros educativos
Esta iniciativa dá continuidade á obra musical ‘O noso canto: xuntas resoamos máis forte’, que naceu con motivo do 8 de marzo do ano pasado
O obxectivo é promover a igualdade entre o alumnado de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e FP
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2026
A Xunta de Galicia convoca a primeira edición do concurso O noso canto: máis voces, máis igualdade, dirixido a centros de ensino de Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional. O seu obxectivo é fomentar a promoción da igualdade no alumnado galego a través da reflexión, a creatividade e a expresión artística ao redor do feminismo interxeracional.
O certame está impulsado pola Consellería de Política Social e Igualdade e pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Con el, dáse continuidade á obra musical O noso canto: xuntas resoamos máis fortes, que naceu con motivo do 8 de marzo do ano pasado da unión de dúas cancións: Latexo e Aperta. Son dúas cancións de distintos estilos interpretadas por artistas de distintas traxectorias e idades e cada unha delas coa súa personalidade, pero que cando estas se reproducen á vez xurde unha nova: O noso canto. Con isto preténdese transmitir a idea de que cando unimos de xeito interxeracional na loita pola igualdade de xénero, o camiño é máis transformador.
Este concurso pretende fortalecer, ao igual que acontece coa obra musical, o canto pola igualdade, con novas voces, con novos xeitos de interpretala e tamén con novas fórmulas de expresar o que significa para as rapazas e rapaces máis novos.
Dúas modalidades: musical e gráfica
O concurso contempla dúas modalidades de participación: unha musical, coa versión da canción; e outra gráfica, para que o alumnado transmita plasticamente o que lle inspira a letra de O noso canto. En cada un destes apartados pódese concorrer individualmente ou en grupo. No caso das creacións musicais en grupo, poden ser de parte ou todo o alumnado e profesorado do centro, mentres que na modalidade gráfica os equipos deben estar formados por un máximo de oito estudantes.
Así mesmo, a modalidade musical ten unha única categoría na que pode participar alumnado de diferentes cursos e sen límite de participantes. A modalidade gráfica presenta tres categorías: a primeira é para alumado de Infantil, así como de 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria; a segunda está dirixida para estudantes de 5º e 6º de Primaria, 1º e 2º de Secundaria e de Educación Especial; e a terceira categoría é para alumnado de 3º e 4º de Secundaria, 1º e 2º de Bacharelato, de Formación Profesional Básica, de ciclos de grao medio e de ciclos de grao superior.
Cada centro educativo poderá presentar un só traballo na modalidade musical e un único traballo en cada categoría da modalidade gráfica. Ademais, os centros que impartan distintas etapas educativas poderán participar en varias, sempre e cando propoñen un único traballo por categoría.
Características dos traballos
En canto ás características dos traballos, a versión musical da canción O noso canto da campaña 8M pode ser interpretación vocal, instrumental, coral ou en grupo, cunha duración máxima de catro minutos. Terá que empregar a mesma tonalidade e letra que a orixinal. As pezas deberán presentarse en formato audiovisual (vídeo).
Pola súa banda, na modalidade gráfica, o cartel deberá incluír obrigatoriamente un lema relacionado coa canción O noso canto e a súa letra. A técnica e o estilo dos traballos son libres e presentaranse en formato electrónico (JPG, PNG ou PDF), en horizontal ou vertical, coas medidas DIN A3 (42 por 29,7 centímetros) e recoméndase unha resolución mínima de 300 ppp.
Prazo de presentación e premios
Todos os traballos deberán concorrer en lingua galega e o prazo de presentación estará aberto ata o día 17 de marzo de 2026, ás 15:00 horas. O envío das propostas realizarase só en formato electrónico á seguinte dirección: concurso8m.igualdade@xunta.gal.
Os premios consistirán, no caso da modalidade musical, nun cheque regalo para o centro educativo para investir en instrumentos musicais e tecnoloxía de produción e reprodución musical, así como un lote de libros. Entregaranse dous cheques, un valorado en 1.000 euros para a proposta gañadora e outro de 750 euros para a que quede en segunda posición.
Na modalidade gráfica haberá dous premios por categoría e tamén consistirán en cheque regalo para investir no comercio local en material didáctico, deportivo ou tecnolóxico para cada un das alumnas e alumnos integrantes do equipo vencedor, así como un lote de libros para o centro. No primeiro premio os cheques serán por valor de 100 euros e no segundo de 50 euros. A entrega de premios realizarase no mes de abril.