Nova
A Xunta financia actuacións de 167 entidades do terceiro sector a través das axudas con cargo ao 0,7% do IRPF
Destínanse 34,7 millóns de euros a financiar 773 programas e investimentos de entidades de toda Galicia
A través destes fondos, sufráganse actuacións nos ámbitos da protección da infancia, da atención ás persoas maiores e con discapacidade, da inclusión social ou da promoción da igualdade e da loita contra a violencia de xénero
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica o listado de entidades do terceiro sector que recibirán axudas para a realización de actuacións de interese xeral con fins de carácter social. A Xunta destinará un total de 34,7 millóns de euros da asignación tributaria do 0,7% do Imposto da Renda das Persoas Físicas (IRPF) e do Imposto de Sociedades a esta convocatoria xestionada pola Consellería de Política Social e Igualdade, que incrementa os fondos concedidos nun 6,4% con respecto á anterior.
A través desta orde, reciben axudas 167 entidades para realizar 773 actuacións, o que supón 12 entidades e 28 iniciativas máis que as beneficiadas coa anterior orde. En concreto, esta liña de achegas está dirixida a entidades que desenvolven actuacións destinadas á protección da infancia, á atención das persoas maiores e con discapacidade, á inclusión social, á promoción da igualdade entre mulleres e homes ou á prevención da violencia de xénero e o apoio ás vítimas. Con estas subvencións tamén se poden sufragar investimentos en equipamento, obras de adaptación e rehabilitación de centros e unidades de atención ou a adquisición de vehículos.
O pagamento das axudas efectuarase cun anticipo do 100%, e a execución dos programas realizarase durante o ano 2026.