Nova

A Xunta remata a obra do novo punto de encontro familiar de Cervo, que dará cobertura a todos os concellos da comarca da Mariña

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, visitou o inmoble acompañado da alcaldesa do municipio, Dolores García


Cervo (Lugo), 16 de xaneiro de 2026

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá en Cervo as instalacións do que será o futuro Punto de Encontro Familiar (PEF) da Mariña, no que veñen de rematar as obras de acondicionamento do inmoble, cedido á Xunta de Galicia polo Concello de Cervo.

Jacobo Rey, que estivo acompañado pola alcaldesa de Cervo, Dolores García, explicou que o novo PEF dará cobertura aos 15 concellos que compoñen esta comarca, desde O Vicedo ata Ribadeo, cuxos veciños xa non terán que trasladarse ata Lugo para realizar as visitas establecidas polo réxime xudicial. Unha vez rematados os traballos de acondicionamento do local, o seguinte paso será a publicación do concerto social a través do que se xestionará este servizo.

Os Puntos de Encontro Familiar teñen como obxectivo garantir un réxime de visitas seguro naqueles casos de separación conflitiva entre os proxenitores dunha nena ou neno. Deste xeito, permiten que profesionais especializados en materia de infancia velen pola protección das nenas e nenos, fagan un seguimento individualizado de cada situación, garantan o dereito dos nenos a manter contacto cos seus proxenitores ou resto de familiares e alerten aos servizos de protección de menores da Xunta en caso de identificar algún posible caso de desprotección.