Nova

A Xunta inicia 24 cursos ocupacionais dirixidos a persoas en situación ou risco de exclusión social

A formación programada céntrase en sectores cun amplo abano de posibilidades laborais, como os de servizos, construción e loxística


Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, inicia este mes de xaneiro unha serie de accións formativas que se celebrarán de maneira paulatina ata o 30 de xuño do 2026. En total, organízanse 24 cursos de carácter ocupacional e están coordinados polos 18 equipos comarcais de inclusión sociolaboral e os dous equipos de inclusión dos centros penitenciarios da Lama e Teixeiro.

A formación programada ten un carácter ocupacional en sectores de produtividade cun amplo abano de posibilidades laborais e, con esta finalidade, organizáronse cursos vinculados ao sector servizos, construción e loxística. Ademais, todos eles terán incluído no número total de horas un módulo específico de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, sensibilización medioambiental e innovación social.

A relación de cursos, as horas de formación de cada un deles e o lugar de celebración é a seguinte:

-          Operacións básicas de albanelería en Noia (84 horas).

-          Operacións básicas de albanelería en Carballo (84 horas).

-          Electricidade básica no centro penitenciario da Lama (64 horas).

-          Electricidade básica en Ribadeo (64 horas).

-          Prevención en Riscos Laborais na construción (nivel básico) e Prevención en Riscos Laborais específico de albanelería en Cee (70 horas).

-          Montaxes e instalación de elementos de carpintería e moble en Becerreá (100 horas).

-          Caixa, reposición e atención a clientela na Rúa (74 horas).

-          Actividades auxiliares de supermercado en Ordes (124 horas).

-          Actividades auxiliares de supermercado en Gondomar (124 horas).

-          Actividades auxiliares de supermercado en O Carballiño (124 horas).

-          Cociña tradicional en Baiona (74 horas).

-          Cociña tradicional en Cangas (74 horas).

-          Monitor/a de comedor escolar e acompañante transporte escolar na Estrada (94 horas).

-          Atención sociosanitaria en domicilios en Ames (104 horas).

-          Obradoiro de igualdade e educación afectivo sexual en Curtis no centro penitenciario de Teixeiro (54 horas).

-          Educación viaria no centro penitenciario de Teixeiro (54 horas).

-          Xestión da ansiedade e conflitos familiares en Vilagarcía de Arousa (55 horas).

-          Operario/a de procesos na industria alimentaria en Vilalba (104 horas).

-          Actividades auxiliares de almacén en Xinzo de Limia (143 horas). 

-          Operario/a de almacén en Monforte (84 horas). 

-          Operacións auxiliares en xardinería. Aplicación de produtos fitosanitarios en Ferrol (131 horas).

-          Operario/a de limpeza industrial en Barbadás (64 horas).

-          Operario/a de limpeza de espazos públicos en Bueu (64 horas).

-          Operario/a de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais en Ponteareas (64 horas).

Estes cursos desenvólvense no marco da Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2023-2030 e están cofinanciados pola Unión Europea (UE) ao abeiro do programa FSE+Galicia 2021-2027.