Nova
As familias monoparentais poden solicitar desde mañá o certificado da Xunta cun procedemento específico na sede electrónica e xa o terán todas dispoñible en formato dixital
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula este novo procedemento que axilizará os trámites e permitirá dispoñer dun sistema de rexistro destas unidades familiares
Ademais, amplíase a vixencia deste documento acreditativo ata que o fillo menor faga os 26 anos de idade
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que regula o novo procedemento único e específico para que as familias monoparentais poidan solicitar ou renovar o seu certificado en liña, reducindo a documentación e axilizando este trámite. A partir de mañá estará operativo na Sede Electrónica o formulario para a solicitude e renovación deste documento acreditativo.
Con este procedemento, as familias monoparentais xa non terán que realizar o trámite a través dunha solicitude xenérica e, ao mesmo tempo, permitirá dispoñer dun sistema de rexistro para estas unidades familiares. Esta mellora súmase á ampliación da vixencia deste documento acreditativo ata que o fillo pequeno cumpra 26 anos, no caso das familias nas que existe un só proxenitor; mentres que para as familias con máis dun a vixencia pasa de dous a cinco anos.
A Xunta lembra que a partir da entrada en vigor deste novo sistema de rexistro o día 15 de xaneiro, todas as familias monoparentais poderán ter nos seus dispositivos telefónicos o certificado en formato dixital ao que se accederá de xeito rápido e sinxelo desde a aplicación XuntaEU.
Galicia pioneira
A Xunta outorga unha protección especial ás familias monoparentais desde hai quince anos, ao darlle a categoría de especial consideración na Lei de familias galegas do ano 2011; así como coa creación dun certificado oficial.
Posteriormente, no ano 2021 a Lei de Impulso Demográfico de Galicia ampliou o concepto de familia monoparental a todas aquelas nas que un só proxenitor ten a custodia exclusiva do fillo ou fillos, aínda que perciba doutro proxenitor unha pensión de alimentos. Isto supuxo un notable incremento deste tipo de familias, que pasou de 1.495 con certificado oficial da Xunta no 2021 ás máis de 7.600 con recoñecemento legal que hai na actualidade.
As familias monoparentais galegas poden acceder a diferentes vantaxes e servizos co certificado expedido pola Xunta. Así, destaca a preferencia no acceso á vivenda de protección autonómica, puntuación adicional no baremo para a adxudicación de prazas nas escola infantís públicas de 0 a 3 anos ou prioridade na admisión de alumnado en centros educativos de 2º ciclo de Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato.
Así mesmo, como novidade para este ano 2026, a Xunta aprobou unha baixada do 8% ao 3% no imposto á compra de vivenda (ITP) para estas familias, que será de 0% se o inmoble está nunha zona pouco poboada.
Incumprimentos do Goberno central
En calquera caso, a situación das familias monoparentais en Galicia vese afectada polos reiterados incumprimentos do Goberno central que segue sen tramitar o proxecto de Lei de familias estatal, que acumula catro anos de parálise no Congreso dos Deputados. Isto provoca que o certificado de familia monoparental só sexa válido na comunidade galega grazas á normativa autonómica, pero non no resto do Estado que carece de marco legal.