Nova
A Xunta felicita a Aspnais por seis décadas sendo un referente no apoio ás persoas con discapacidade e ás súas familias
Fabiola García destaca que o Goberno galego lanzará en 2026 un plan estratéxico con horizonte 2030 para situar a Galicia como referente na plena integración das persoas con discapacidade en todos os ámbitos das súas vidas
Lembra a recente aprobación da revisión de prezos das prazas por parte do Goberno galego, con case 8M€ anuais para facer fronte ao novo convenio colectivo da discapacidade
Lugo, 8 de xaneiro de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e da directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asistiron esta tarde ao acto conmemorativo do sesenta aniversario da Asociación de pais ou titores de persoas con discapacidade intelectual de Lugo (Aspnais). Na súa intervención, Fabiola García felicitou á entidade social lucense por “seis décadas sendo un referente no apoio ás persoas con discapacidade e ás súas familias”.
Durante a súa participación nunha mesa redonda sobre a atención á discapacidade, a conselleira puxo en valor a colaboración que a Xunta e Aspnais manteñen desde hai anos, e na que se enmarca o concerto de 153 prazas de servizos residenciais e de atención diúrna. Ademais, avanzou que o Goberno galego lanzará en 2026 un plan estratéxico con horizonte 2030 para situar a Galicia como referente na plena integración das persoas con discapacidade en todos os ámbitos das súas vidas.
Fabiola García tamén destacou que a Xunta seguirá apostando por crear máis prazas de residencia e centro de día, que hoxe chegan ás 5.900, e por continuar dando estabilidade ás prazas públicas que xa existen. Neste sentido, lembrou a recente aprobación da revisión de prezos das prazas por parte do Goberno galego, con case 8M€ anuais para facer fronte ao novo convenio colectivo da discapacidade.
A conselleira apostou por continuar creando máis centros para a discapacidade en colaboración coas entidades sociais, un obxectivo ao que nos tres últimos anos se destinaron máis de 30M€, e por desenvolver novos modelos de atención, con centros baseados en fomentar a vida independente e a integración na comunidade, como o que se porá en marcha en Friol.
Sesenta anos de historia
Aspnais é unha entidade social sen ánimo de lucro creada en 1966. Conta cun amplo conxunto de servizos e programas orientados tanto ás persoas con discapacidade intelectual como ás súas familias, como atención temperá, apoio educativo, formación, orientación laboral, servizos ocupacionais, programas de emprego con apoio, así como iniciativas de lecer inclusivo e participación social. Isto complétase cun traballo constante de acompañamento ás familias, ofrecendo información, asesoramento e apoio emocional.
A conmemoración do seu 60 aniversario ten como obxectivo poñer en valor o percorrido histórico da entidade, a súa adaptación aos tempos, o esforzo colectivo, a implicación das familias e a dedicación de xeracións de profesionais. A celebración reuniu a persoas usuarias, familias, profesionais, representantes institucionais, entidades do terceiro sector e colaboradores.