Nova

Fabiola García anuncia o investimento de 50.000 euros en actuacións de acondicionamento e mellora da escola infantil municipal de Boqueixón

As obras incluirán a reforma da cociña, a adquisición de novo equipamento educativo, a dotación dunha cuberta con toldo para o acceso principal e a renovación do pavimento da área de xogos

Este investimento forma parte dun novo programa de intervencións en 14 escolas infantís públicas de 0 a 3 anos toda Galicia, de titularidade municipal e autonómica, ao que a Xunta destinará preto de 1M€

Fabiola García lembra que Galicia acadou en 2025, por terceiro ano consecutivo, a ratio de escolarización infantil máis alta do país, con case un 65%


Boqueixón (A Coruña), 8 de xaneiro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitaron esta mañá a escola infantil Raíña Lupa de Lestedo para anunciar un investimento da Xunta de preto de 50.000 euros que permitirá mellorar os servizos e a atención que se ofrece neste centro municipal.

Os traballos que se realizarán na escola incluirán a reforma da cociña, a adquisición de novo equipamento educativo para as aulas, a dotación dunha cuberta con toldo ao acceso principal para crear unha zona resgardada das inclemencias meteorolóxicas e a substitución e renovación do pavimento da zona de xogo infantil, coa utilización de caucho.

Fabiola García enmarcou esta intervención no compromiso da Xunta coa atención á infancia e o apoio á conciliación das familias, a través de investimentos de mellora nos centros de 0 a 3 anos ou tamén con medidas pioneiras como a gratuidade desta etapa educativa. Ao respecto, lembrou que este é o cuarto curso consecutivo no que as familias galegas non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos ou fillas, vaian a unha escola 0-3 da Xunta, dependente dun concello, de iniciativa social ou privada. Grazas á gratuidade, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil con case un 65%, situándose 15 puntos por riba da media nacional.

Melloras en escolas das redes autonómica e local

As melloras que se levarán a cabo neste centro forman parte dun novo programa de intervencións en escolas infantís públicas de 0 a 3 anos toda Galicia, de titularidade municipal e autonómica, ao que a Xunta destinará preto de 1M€.

Con estes fondos, procedentes do Fondo de Cohesión e Transformación Social (FCT), acometeranse actuacións de reforma, de ampliación, de renovación de cubertas e fachadas ou de equipamento en 14 concellos  de toda Galicia. Serán os municipios os encargados de contratar e executar os traballos, que deberán estar rematados en decembro deste ano.