Nova

A Xunta comproba o avance das obras de construción da futura residencia e centro de día municipais de Cerdedo-Cotobade

O Goberno galego achegou máis de 130.000 euros ao soterramento da liña eléctrica que estaba instalada na parcela na que se constrúe o centro


Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 2 de xaneiro de 2026

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitaron esta mañá as obras de construción da que será a nova residencia e centro de día municipais, uns recursos que estarán situados no lugar de A Chan, en Carballedo.

O obxectivo da visita foi comprobar o bo avance das obras, que avanzaron con axilidade unha vez rematados os traballos de soterramento da liña eléctrica. Estas obras, financiadas pola Xunta con 134.000 euros, eran necesarias para seguir adiante coa construción do futuro centro de atención a persoas maiores.

O novo equipamento porá a disposición das familias 59 prazas residenciais e outras 24 de atención diúrna. Unha vez postos en funcionamento estes recursos, a Xunta de Galicia colaborará coas axudas ás persoas usuarias a través das libranzas.

Este centro completará a rede de recursos para persoas maiores que xa ten a Xunta e que están emprazados no núcleo de Cerdedo: un centro de día, un fogar residencial e a residencia inaugurada polo presidente Alfonso Rueda hai dous anos.