Nova
A Xunta reivindica o traballo da asociación de Mulleres Empresarias a prol da igualdade real e efectiva na provincia
Lugo, 25 de abril de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, mantivo esta mañá unha xuntanza coa presidenta da asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Anjhara Gómez, para coñecer o traballo que desenvolven desde esta entidade. Neste sentido, reivindicou o labor que desenvolven na provincia a prol da igualdade de xénero real e efectiva.
Quintiana sinalou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e o tecido social para avanzar nunha Galicia máis igualitaria, especialmente en sectores específicos como o laboral. Así, trasladoulle o compromiso da Xunta para reforzar as medidas e programas destinados a visibilizar o papel das mulleres en todos os sectores e lembrou que en breve se porá en marcha a primeira Estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados.