Nova

A Xunta destaca a importancia de formar en materia de violencia de xénero e igualdade ao persoal que imparte actividades dirixidas aos máis novos

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero participou nunha xornada formativa sobre igualdade de xénero destinada aos monitores da Escola de Verán que organiza cada ano a Fundación Eduardo Pondal


Ponteceso (A Coruña), 26 de abril  de 2025

O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, participou esta mañá nunha xornada organizada pola Fundación Eduardo Pondal. Esta iniciativa de formación en violencia de xénero e igualdade está dirixida aos monitores da Escola de Verán que cada ano se celebra na aldea do Couto.

O obxectivo desta xornada é trasladar coñecemento en materia de igualdade e violencia de xénero á realidade desta actividade lúdica de verán a través de actividades dinámicas e concretas que fomenten a igualdade, o respecto e a convivencia.

Na súa intervención, o director xeral explicou as políticas, programas e accións que impulsa a Xunta de Galicia nestas materias e puxo en valor a importancia de formar ao persoal das actividades dirixidas aos máis novos, de cara a previr e sensibilizar sobre a violencia de xénero e a importancia do bo trato.