Nova
A Xunta enxalza as iniciativas da asociación Por Eles Tea de Ourense para acompañar ás persoas con autismo e potenciar as súas habilidades
A directora xeral de Persoas con Discapacidades sinalou que esta entidade social conta con programas de referencia en educación, en atención temperá e en intervención psicosocial
Ourense, 24 de abril de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, enxalzou esta mañá as iniciativas que desenvolve a asociación Por Eles Tea de Ourense no acompañamento ás persoas con autismo para potenciar todas as súas habilidades. Así o sinalou durante unha visita ás instalacións onde puido coñecer de preto todas as actividades que realizan e na que trazaron novas vías de colaboración entre a Administración autonómica e a entidade.
Begoña Abeijón sinalou que esta entidade social conta con programas de referencia específicos na educación, na atención temperá e na intervención psicosocial. Así, fixo referencia aos programas de información, asesoramento e acompañamento ás persoas usuarias e que combinan a atención terapéutica con outros programas de inclusión educativa e tamén no ocio infantil.
A directora xeral lembrou que a Xunta de Galicia mantén unha intensa colaboración co tecido asociativo para seguir impulsando proxectos que permitan mellorar o día a día das persoas con Trastorno do Espectro Autista. Deste xeito, agradeceu o importante traballo desta asociación e trasladoulles o compromiso do Executivo galego para seguir potenciando este tipo de iniciativas útiles e eficaces neste eido.