Nova

Rueda destaca o papel das persoas maiores na sociedade galega e convida a loitar contra o idadismo

Sinala que no marco da estratexia contra a discriminación por idade que está a impulsar o Goberno galego nomearase un comisionado “con autoridade sobre todas as consellerías” que coordinará as diferentes accións que se desenvolvan

Lembra o traballo da Administración autonómica contra a soidade non desexada


Vigo, 24 de abril de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no XII Congreso Nacional da Confederación Española de Organizacións de Maiores (Ceoma), celebrado en Vigo, onde destacou o papel fundamental dos maiores na construción da sociedade actual e reafirmou o compromiso da Xunta cos “centos de miles de personas que teñen moito que achegar” e que “merecen descansar, se queren descansar, e gozar de todo o que traballaron”.

O titular do Goberno galego, acompañado no acto pola conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, trasladou o recoñecemento institucional á xeración de maiores que contribuíu ao desenvolvemento económico, social e familiar do país. No marco da celebración do 25º aniversario de Ceoma, o xefe do Executivo autonómico puxo en valor o labor  da entidade en prol da defensa dos dereitos das persoas maiores.

Na súa intervención, Rueda lembrou o desenvolvemento por parte da Xunta de dúas estratexias deseñadas para o colectivo de maiores: a Estratexia galega contra a soidade non desexada e a Estratexia contra o idadismo, que conta coa colaboración da Universidade de Vigo. O presidente autonómico, que convidou a “loitar contra o idadismo, unha das grandes enfermidades silenciosas da nosa sociedade”, apuntou que no marco desta folla de ruta contra a discriminación por idade nomearase un comisionado “con autoridade sobre todas as consellerías” que coordinará as diferentes accións que se desenvolvan.

A Xunta leva anos traballando para promover un envellecemento activo. Entre as iniciativas que se están desenvolvendo, atópanse programas como Benestar en Balnearios, as Universidades Sénior, as aulas de novas tecnoloxías ou o Carné +65, do que xa se distribuíron máis de 600.000 unidades, permitindo o acceso a descontos en preto de 1.000 establecementos.