Nova
A Xunta abre o prazo para participar nos campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade
As actividades comezarán o 2 de xullo e prolongaranse ata o 14 de setembro e ofertaranse dúas modalidades: aventura na natureza ou xunto ao mar
Establécense varios grupos en función das idades e con varias quendas ao longo do período estival
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2025
A Xunta mantén aberto ata o día 5 de maio o prazo para solicitar praza nun dos campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade con idades comprendidas entre os 11 e os 50 anos de idade. Esta iniciativa desenvolverase entre o 2 de xullo e o 14 de setembro nas dúas Residencias de Tempo Libre da Xunta, a de Carballiño e Panxón (Nigrán), e no albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo).
Ao longo de todo o verán haberá diferentes quendas de participación cunha duración de 10 días cada unha, polo que as persoas interesadas poderán marcar a súa preferencia segundo os períodos dispoñibles. Ademais, establécese diferentes grupos segundo a idade dos participantes que poderán escoller entre dúas modalidades de ocio: aventura na natureza ou xunto ao mar. En ambos casos, as accións que se desenvolvan serán completamente accesibles para todos.
Os campamentos contemplan o aloxamento en réxime de pensión completa e a realización das actividades dirixidas ao fomento de habilidades sociais, ao contacto coa natureza, ao coñecemento da nosa cultura ou á educación para a saúde. Ademais, durante a estancia haberá un equipo formado por especialistas nos ámbitos educativo, sanitario, psicolóxico e terapéutico para que os participantes teñan todo o apoio que necesitan e desfruten ao máximo da estadía.
Con este programa, o Goberno galego ofrece ás persoas con discapacidade os recursos que precisan para desfrutar do verán con todas as oportunidades e servizos a súa disposición e que supón tamén un impulso para a conciliación familiar.