Nova
A Xunta destaca o proxecto de inclusión sociolaboral de ALAR Galicia que ofrece formación e capacitación a persoas en risco de exclusión
O director xeral de Inclusión Social sinalou que esta entidade conta cunha achega de máis de 200.000 euros do Executivo galego para desenvolver diferentes programas no ámbito da inclusión
Viveiro (Lugo), 3 de abril de 2025
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe na entrega de diplomas a vinte usuarios de ALAR Galicia que remataron os programas de inclusión laboral impulsados pola entidade. No acto, estivo acompañado pola alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde.
Os programas de inclusión social Mellora e Mellora Máis, financiados pola Consellería de Política Social e Igualdade, ofrecen formación e prácticas laborais en diferentes sectores ou materias como limpeza industrial, habilidades sociais, igualdade e dereitos laborais, emprendemento ou competencias dixitais.
O director xeral puxo en valor o proxecto de inclusión sociolaboral de ALAR Galicia que ofrece ás persoas en risco de exclusión formación e capacitación para potenciar as súas saídas laborais. Arturo Parrado fixo fincapé na colaboración entre o Executivo galego e a entidade para impulsar itinerarios de inserción laboral específicos e que axuden a previr o risco de exclusión social. Neste sentido, o director xeral sinalou que a Xunta de Galicia concedeu este ano máis de 200.000 euros en achegas a esta asociación para poñer en marcha diferentes programas neste eido.
Ademais, o director xeral agradeceu o labor que desenvolve esta entidade para mellorar a situación das persoas máis vulnerables e trasladou o compromiso da Xunta para seguir colaborando co tecido asociativo e reforzando os programas de inserción sociolaboral.