Nova
Fabiola García enxalza a aposta do Porriño por centralizar os servizos sociais para reforzar a atención á veciñanza
A conselleira de Política Social e Igualdade destacou que a Xunta destina cada ano 145.000 euros para impulsar a atención temperá neste Concello
O Porriño (Pontevedra), 1 de abril de 2026
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, coñeceu esta mañá a nova sede de atención temperá do Porriño e que se atopa integrada co resto de recursos sociais. Durante a visita, na que estivo acompañada do alcalde, Alejandro Lorenzo, enxalzou a aposta deste municipio por centralizar os servizos para reforzar e facilitar a atención á veciñanza.
Fabiola García destacou que a Xunta destina cada ano 145.000 euros a impulsar a atención temperá neste Concello, un servizo que está a disposición das familias para ofrecer asesoramento, acompañamento e atención aos nenos e nenas de ata 6 anos con problemas de desenvolvemento. Deste xeito, fixo fincapé en que estas unidades son fundamentais “para axudar ás nais e pais a resolver todas as dúbidas, incertezas e medos que se lle presentan ante a sospeita de que o seu fillo poida sufrir un problema destas características”.
Neste sentido, a conselleira destacou o firme compromiso da Xunta de Galicia con este servizo e que permitiu incrementar as unidades de atención temperá pasando das dúas que había no 2009 ata as 51 que hai actualmente. Un esforzo que este ano 2025 leva aparellado un importante investimento de 8 millóns de euros para seguir avanzando neste eido e que permite seguir colaborando cos concellos e coas familias.
Ademais, durante o encontro Fabiola García avanzou que a Xunta de Galicia ten previsto impulsar durante esta lexislatura as unidades de atención postemperá destinadas a seguir reforzando a atención dos nenos e nenas con problemas de desenvolvemento ata os doce anos.