Nova

A Xunta destina ao novo local da asociación A Creba máis de 350.000 euros para que poidan seguir ampliando os seus servizos para as persoas con enfermidades mentais

A directora xeral de Persoas con Discapacidade destacou que o Executivo galego tamén financia con preto de 60.000 euros oito prazas no seu centro ocupacional


Noia (A Coruña), 31 de marzo de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, coñeceu esta mañá o novo local da Creba en Noia e que permitirá seguir ampliando os servizos da entidade na atención ás persoas con enfermidades mentais. O proxecto contempla cun centro ocupacional e unha minirresidencia e que contou coa colaboración da Xunta de Galicia que destinou xa máis de 350.000 euros.

A directora xeral lembrou que no ano 2023 o Executivo galego concedeu en axudas do IRPF 150.000 euros para que a entidade puidese adquirir o inmoble. A esta achega súmanse os máis de 200.000 euros que a Xunta de Galicia destinou no 2024, tamén en axudas con cargo ao 0,7% do IRPF, para a adecuación e acondicionamento do local.

Ademais, Begoña Abeijón aproveitou a ocasión para coñecer os traballos que desenvolven no seu centro ocupacional co obxectivo de mellorar e impulsar as capacidades dos usuarios. Ao respecto destacou que o Executivo galego financia 8 prazas neste servizo para o que inviste preto de 60.000 euros.

A directora xeral fixo fincapé no constante apoio entre a entidade social e a Administración autonómica que permite seguir reforzando os servizos de atención e coidado, así como a promoción da autonomía das persoas con discapacidade. Neste sentido, Abeijón agradeceu o labor da asociación A Creba en Noia e enxalzou o seu labor para mellorar e favorecer a integración sociolaboral das persoas con problemas de saúde mental.