Nova
A Xunta enxalza a longa traxectoria do Fogar e Clínica San Rafael para garantir o benestar e atención das persoas con discapacidade
Begoña Abeijón destacou que o Executivo galego financia 188 prazas de atención residencial e ocupacional nos seus centros con máis de 2,9 M€ anuais
No último ano esta entidade beneficiouse de 98.000 euros de achegas con cargo ao 0,7% do IRPF para a execución de diferentes programas e melloras nas súas instalacións
Vigo, 26 de marzo de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, puxo en valor esta mañá o traballo dos profesionais do Fogar e Clínica San Rafael en Vigo que levan 90 anos sendo unha entidade referente na atención e coidado das persoas con discapacidade, asegurando o seu benestar e o das súas familias.
Durante a súa visita, a directora xeral puido coñecer as instalacións do novo centro de día, que dará servizo a 36 usuarios, e tamén tivo oportunidade de afondar nos proxectos de atención temperá nos que está traballando esta entidade.
Por outra banda, Abeijón destacou que a Xunta de Galicia financia 188 prazas de atención residencial e ocupacional nos seus centros con máis de 2,9 millóns de euros anuais. Ao respecto, a directora xeral fixo fincapé na estreita colaboración entre esta entidade e a Xunta de Galicia para garantir os mellores servizos ás persoas con discapacidade. Así, sinalou que o Executivo galego aportou só no último ano 98.000 euros en achegas con cargo ao 0,7% do IRPF para o desenvolvemento de diferentes programas de acompañamento e para a mellora das instalacións.