Nova

A gala ‘Diez Raz10nes’, que contou co apoio da Xunta, recadou 16.200 euros para Raiolas e Down Lugo


Lugo, 19 de marzo de 2025

A gala benéfica Diez Raz10nes, celebrada o pasado 21 de febreiro coa colaboración da Xunta de Galicia, recadou un total de 16.182 euros, que distribuíu hoxe ao 50% entre as asociacións Raiolas e Down Lugo. O delegado territorial, Javier Arias, participou no acto simbólico de entrega dos cheques solidarios que se celebrou na Mosqueira da Muralla e gabou “o esforzo dos empresarios lucenses que impulsaron esta iniciativa e lograron a resposta solidaria da cidadanía”.

A gala Diez Raz10nes tivo lugar no Círculo das Artes, promovida por restaurantes e empresas de eventos e comunicación da cidade, e coa cooperación da Escola de Hostalería do IES Sanxillao. O importe recadado servirá para renovar e ampliar o material terapéutico co que Raiolas Lugo traballa a diario con persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) e Trastornos da Comunicación Social (TCS), e para potenciar un programa de fomento do emprego de Down Lugo.