Nova

A Xunta pon en valor as iniciativas que promoven o envellecemento activo e a participación dos maiores en todos os ámbitos sociais

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria destaca que este tipo de actividades son fundamentais para previr a soidade non desexada

Así mesmo, sinala que estas iniciativas son mostra da aposta do Executivo galego para reforzar os servizos para a terceira idade na cidade de Vigo


Vigo, 18 de marzo de 2025

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, puxo en valor as iniciativas que promoven o envellecemento activo e a participación dos maiores en todos os ámbitos sociais. Así o sinalou tras visitar os obradoiros que realizan os usuarios da Asociación de Veciños San Miguel de Oia na que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.

Antón Acevedo destacou que máis dun cento de persoas maiores participan nestas actividades que ademais, sinalou, son fundamentais para previr a soidade non desexada. Nesta liña, fixo fincapé en que con estas iniciativas se fomenta a conexión interxeracional e se producen melloras na súa actividade cognitiva e nas súas múltiples habilidades.

Neste sentido, o director xeral lembrou que o apoio do Executivo galego a estas iniciativas é unha mostra máis do compromiso da Xunta de Galicia para reforzar os servizos de atención ás persoas maiores da cidade de Vigo e a súa contorna. Ao respecto, trasladou que seguirán traballando para reforzar os programas de actividades para a terceira idade.

Aulas para maiores de Ategal

O director xeral visitou pola tarde as aulas de maiores de Ategal en Vigo onde puxo en valor o seu traballo para promover a formación entre as persoas da terceira idade. Neste sentido, lembrou que a Xunta de Galicia apoia a esta entidade a través dun convenio de 190.000 euros para a realización de diferentes actividades que promovan o envellecemento activo e saudable.