Nova
Martina Aneiros pon en valor as políticas da Xunta para avanzar na redución da fenda de xénero durante unha mesa redonda sobre emprendemento feminino
A delegada territorial participou esta tarde nunha xornada sobre autocoidado para emprendedoras organizada pola asociación Mulleres Ártabras
Avanzou que o Goberno galego impulsará este ano a primeira Estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados, co fin de promover a incorporación das mulleres a estas actividades e postos de liderado
Ferrol, 16 de marzo de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta tarde no centro cívico de Canido nunha mesa redonda sobre emprendemento feminino organizada pola asociación Mulleres Ártabras, no marco dunha xornada de autocoidado para emprendedoras, onde puxo en valor as políticas do Goberno galego para avanzar na redución da fenda de xénero no mercado laboral.
Aneiros apelou ao papel chave que deben desempeñar as Administracións públicas na promoción da igualdade e avanzou que a Xunta impulsará este ano a primeira Estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados, co fin de promover o liderado e a incorporación das mulleres a espazos laborais que ata o momento non lle eran propios.
Durante a súa intervención apuntou como outra novidade a certificación galega en excelencia en igualdade que está a tramitar o Goberno galego. Trátase dunha certificación coa que se recoñecerá a aquelas empresas ou entidades do terceiro sector que destaquen na aplicación das políticas de igualdade laboral.
A delegada territorial, que compartiu mesa con empresarias de distintos sectores, Insistiu ademais no compromiso da Xunta co apoio ao emprendemento feminino, amén doutros programas de axudas para o fomento do emprego por conta propia ou allea, e a importante aposta pola conciliación e a corresponsabilidade, cuxo investimento previsto superará os 150 M€ para este 2025.