Nova

A Xunta reforza a colaboración coas entidades sociais para ofrecer máis recursos e oportunidades a persoas en situación ou risco de exclusión

O Goberno galego financia con preto de 268.00 euros programas de Érguete nos ámbitos da inclusión, a formación, os coidados e a igualdade

Destina outros 82.000 euros á Fundación Esplai para favorecer a inclusión a través do aproveitamento das novas tecnoloxías da información e a comunicación


Vigo, 14 de marzo de 2025

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, destacou hoxe a importancia da coordinación entre as Administracións públicas e as entidades de iniciativa social para ofrecer oportunidades e recursos ás persoas en situación ou risco de vulnerabilidade. Arturo Parrado, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou esta mañá a Asociación Érguete e, posteriormente, a Fundación Esplai.

Na visita a Érguete, Arturo Parrado puxo en valor a celebración este ano do 40 aniversario da asociación, que naceu do impulso dun grupo de nais e pais de persoas drogodependentes. A Xunta, a través da orde de axudas do IRPF e da orde de entidades de inclusión 2023-2025, financia con preto de 268.000 euros diferentes programas que desenvolve a asociación nos ámbitos da inclusión, a formación, os coidados e a igualdade.

En concreto, o Executivo autonómico sufraga actuacións de inserción sociolaboral no que participan persoas internas nos centros penitenciarios de Teixeiro e A Lama e unha iniciativa que proporciona vivendas de apoio ao tratamento de persoas con adiccións. A Xunta tamén financia actividades en centros de apoio social e procesos terapéuticos, así como obras de mellora dos espazos de atención e formación de Asociación Érguete.

Arturo Parrado tamén visitou as dependencias da Fundación Esplai para coñecer os seus proxectos, centrados no aproveitamento das novas tecnoloxías da información e da comunicación para favorecer a inclusión.  A Xunta achega máis de 82.000 euros, a través da orde de axudas do IRPF, para programas de formación en materia dixital a persoas en situación de vulnerabilidade, e para promover a participación social das persoas inmigrantes.