Nova

A Xunta pon en valor o papel dos profesionais da logopedia nos equipos de atención temperá

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou no acto conmemorativo do Día Europeo da Logopedia


Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou hoxe o papel que xogan os profesionais da logopedia nos equipos de atención temperá. Así o explicou no acto conmemorativo do Día Europeo da Logopedia organizado polo Colexio Profesional de Logopedas.

Begoña Abeijón participou na inauguración da mesa redonda titulada Atención Temperá. Unha cousa de todos, que trata sobre a evolución deste servizo en Galicia, as súas principais fortalezas e a importancia que teñen as familias e a contorna máis próxima dos usuarios. Na súa intervención, destacou que os logopedistas son un elemento fundamental nos equipos de Atención Temperá para a prevención, detección e intervención nas dificultades na comunicación ou na deglutición durante a primeira etapa da infancia.

O Goberno galego aposta firmemente pola atención temperá e por seguir estendendo este servizo por toda Galicia. Hoxe en día, a Xunta inviste 8M€ ao ano en financiar as 51 unidades da Rede Galega de Atención Temperá, repartidas por toda a Comunidade e que dan servizo a máis de 200 concellos e a máis de 5.000 familias. Ademais, o Goberno galego está impulsando un servizo de atención postemperá, para dar servizo a nenos maiores de 6 anos, cuxa primeira unidade empezará a funcionar en Vigo.