Nova

A Xunta aposta por un feminismo integrador que teña en conta as necesidades das mulleres con discapacidade

A directora xeral de Persoas con Discapacidade asiste ao acto de conmemoración do Día Internacional das Mulleres no que participan alumnos do centro de Crecente e usuarias da residencia Esclavas de la Virgen Dolorosa


Crecente (Pontevedra), 13 de marzo de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou que a Xunta de Galicia aposta por un feminismo integrador que teña en conta as necesidades das mulleres con discapacidade.

Begoña Abeijón participou no acto de conmemoración do Día Internacional das Mulleres no que participaron as usuarias da residencia Esclavas de la Virgen Dolorosa e alumnado dos centros educativos da zona. Ao respecto, sinalou que este tipo de iniciativas son imprescindibles para dar visibilidade ás mulleres con discapacidade.

Así mesmo, engade que o acto foi moi participativo e interxeracional, xa que tamén se entregaron os galardóns aos carteis deseñados por alumnos do CEIP Manuel Seoane e o premio Dona Urraca a unha traballadora do concello. Así mesmo, as usuarias da residencia Esclavas leron un manifesto e proxectouse un vídeo conmemorativo desta data da residencia de maiores San Pedro.

A directora xeral fixo fincapé en que é fundamental o papel das persoas con discapacidade para construír unha Galicia máis inclusiva e igualitaria. Neste sentido, recalcou que adoitan ser máis vulnerables, por iso é importante dotalas das ferramentas e de toda a información necesaria en materia de xénero para seguir avanzando nesta materia.