Nova

A Xunta impulsará a primeira estratexia galega de emprego feminino en sectores masculinizados co obxectivo de promover o liderado das mulleres

Fabiola García destaca que, grazas á colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, farase unha aposta sen precedentes para a incorporación de mulleres a estas actividades e en postos de liderado

A conselleira avanza que o Goberno galego tamén lanzará este ano a primeira convocatoria de apoio á investigación en materia de xénero, o Programa Galicia Investiga Igualdade, dotado con 300.000€ e que permitirá apoiar dez contratos

Destaca o investimento neste ano de máis de 150M€ en medidas destinadas á conciliación e á corresponsabilidade

Reitera que, grazas á campaña ‘O Noso Canto’, crearase unha bolsa para impulsar a inserción das mulleres nos sectores masculinizados da industria musical


Santiago de Compostela, 11  de marzo de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento para dar conta das medidas coas que Galicia impulsa a igualdade de xénero, coincidindo coa  recente conmemoración do 8M, o Día Internacional das Mulleres.

Na súa intervención, avanzou que a Xunta, grazas á colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, impulsará a que será a primeira estratexia galega de  emprego feminino en sectores masculinizados. Esta folla de ruta desenvolverase en tres fases. A primeira, xa iniciada, é a avaliación do estado real das políticas de emprego feminino. O segundo paso será a escoita activa directa de mulleres que están en sectores masculinizados e, finalmente, a terceira fase será o deseño e implantación da estratexia.

Tamén no eido laboral,  a conselleira explicou que se está tramitando a que será a certificación galega de excelencia en igualdade. Este distintivo, incluído na Lei para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, permitirá recoñecer ás empresas galegas que destacan na aplicación das políticas de igualdade de xénero.

Ademais, Fabiola García fixo fincapé en que neste ano reforzarase o apoio ao emprendemento feminino, poñendo o foco en proxectos que se desenvolvan no eido rural para favorecer a implantación de iniciativas empresariais. E tamén se prestará especial axuda aos que se realicen en sectores masculinizados e a aqueles proxectos que estean liderados por mulleres de máis de 55 anos.

Durante a comparecencia, a conselleira explicou que todas estas medidas irán acompañadas dunha importante aposta pola conciliación e a corresponsabilidade, unhas políticas nas que o investimento previsto superará os 150M€.

No eido educativo, Fabiola García tamén anunciou que, dentro do III Programa Muller e Ciencia, a Xunta lanzará este ano o primeiro programa de apoio á investigación en materia de xénero. Esta iniciativa, denominada Programa Galicia Investiga Igualdade, consiste nunha convocatoria de contratos predoutorais para estudantes nas universidades galegas, que estará dotada con 300.000€ e permitirá apoiar dez contratos.

O obxectivo deste programa é fomentar a formación de investigadoras para a obtención do título de doutoramento e a adquisición de competencias relacionadas coa investigación en igualdade. Tamén se busca mellorar o coñecemento da situación, condicións e posición de mulleres e homes nas relacións de xénero nos distintos ámbitos da vida. Así como dar a coñecer os resultados da investigación que poidan constituír boas practicas de políticas de igualdade.

Orzamento de promoción da igualdade

Tras explicar as medidas postas en marcha polo Goberno galego, a conselleira de Política Social detallou a importante aposta pola promoción da Igualdade, unha área que contará en 2025 con máis de 28M€ de orzamento, o máis alto ata o momento.

Por último,  Fabiola García fixo referencia á campaña lanzada pola Xunta con motivo do 8M e que busca amosar a unión interxeracional do feminismo a través dun proxecto cultural único e que pretende dar voz a todas as mulleres galegas.

De feito, lembrou que grazas á campaña O Noso Canto a Xunta de Galicia creará unha bolsa para impulsar a inserción das mulleres nos sectores máis masculinizados da industria musical.