Nova

A Xunta reivindica o papel da muller nas carreiras científicas e técnicas como garante dunha sociedade máis igualitaria

A directora xeral de Promoción da Igualdade lembra que a incorporación de cada vez máis rapazas ás carreiras STEM é fundamental para seguir baixando a fenda de xénero salarial

 


Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2025

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou no acto conmemorativo do Día Internacional das Mulleres que organizou a Universidade de Santiago de Compostela e no que reivindicou o papel das mulleres nas carreiras científicas e técnicas como garante dunha sociedade máis igualitaria.

A directora xeral agradeceu as iniciativas impulsadas pola Universidade para fomentar a inserción laboral das mulleres nas carreiras STEM. Neste sentido, fixo fincapé na iniciativa Unha enxeñeira ou científica en cada cole que permite dar visibilidade á importancia da igualdade de xénero entre a mocidade e combatendo os estereotipos de xénero arredor destas ramas educativas.

Neste sentido, María Quintiana lembrou a importancia de que as nenas e adolescentes coñezan referentes femininos no eido da investigación, xa que, sinalou, a incorporación de cada vez máis rapazas ás carreiras STEM é fundamental para seguir baixando a fenda de xénero salarial.