Nova

A Xunta pon en valor o compromiso dos concellos coa defensa da igualdade de xénero

Fabiola García aposta pola unión e o traballo conxunto das administracións de cara a continuar avanzando na igualdade de xénero e na construción dunha sociedade equitativa


Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor esta mañá o compromiso firme dos concellos galegos coa defensa da igualdade de xénero e no camiño de impulsar unha sociedade máis xusta e igualitaria. A conselleira asistiu á lectura do manifesto elaborado polo Concello de Oroso con motivo da conmemoración do 8M, o Día Internacional das Mulleres.

No acto, no que estivo acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e polo alcalde de Oroso, Alexander Doval, procedeuse á lectura dun manifesto no que Oroso se une á conmemoración desta data “lembrando e apoiando a dura loita das mulleres por acadar en igualdade de condicións as mesmas oportunidades que os homes”.

A conselleira de Política Social e Igualdade apostou pola unión e o traballo conxunto das administracións de cara a continuar avanzando na igualdade de xénero e na construción dunha sociedade máis equitativa.