Nova

A Xunta anuncia a creación dunha bolsa para a inserción das mulleres na industria musical durante o lanzamento da canción ‘O Noso Canto’

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, trasladou desde Arxentina o compromiso de todo o Executivo autonómico coa igualdade de xénero

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, sinala que os beneficios obtidos dos dereitos desta peza musical serán destinados a este proxecto

Fabiola García agradeceu a xenerosidade da compositora, Belém Tajes, e das artistas que forman parte do proxecto por ceder os beneficios dos dereitos da canción para esta iniciativa


Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025

A Xunta de Galicia creará unha bolsa para impulsar a inserción das mulleres nos sectores masculinizados da industria musical. Esta nova iniciativa anunciouse esta tarde durante o lanzamento da canción O Noso Canto, o proxecto cultural que a Administración autonómica puxo en marcha con motivo do Día Internacional das Mulleres. 

A presentación desta campaña contou coa presenza desde Arxentina do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que, a través dun vídeo, trasladou o compromiso de todo o Executivo galego coa igualdade de xénero. A maiores, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, a de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, e a conselleira de Vivenda, Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, tamén se sumaron a este acto que tivo lugar no Hotel Monumento de San Francisco.

Fabiola García sinalou que grazas “á xenerosidade da compositora, Belém Tajes, e das artistas que forman parte do proxecto” cos beneficios obtidos dos dereitos da canción e unha achega económica da Xunta de Galicia, poranse en marcha estas bolsas. O obxectivo é fomentar a incorporación das mulleres nos sectores máis técnicos da industria musical.

Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor a participación das mulleres ao longo da historia na tradición musical galega, un papel que moitas veces – lembrou- non foi recoñecido como se merecía. Por iso, destacou que esta campaña da Xunta de Galicia polo 8M busca amosar a unión interxeracional do feminismo a través dun proxecto cultural único e que pretende dar voz a todas as mulleres galegas.

Lanzamento de O Noso Canto

A Xunta de Galicia emprega a música como ferramenta para transmitir a importancia da unión de todas as mulleres para seguir avanzando cara unha Galicia cada vez máis igualitaria. O Noso Canto, composta por Belém Tajes, xorde da unión de dúas cancións, Aperta e Latexo, que baixo diversos estilos e interpretadas por distintas xeracións, ao fusionarse transmiten unha mensaxe clara: ‘Todas xuntas resoamos máis forte’.  Esta peza estará dispoñible en todas as plataformas desde este 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.

Latexo está protagonizada por artistas emerxentes e sons de pop experimental, coas voces principais de Yoly Saa e Sabela Ramil, e na que participan de forma coral Nastashia Zürcher, Catuxa Salom, Carolina Rubirosa, Leticia Rey, Icía Varela, Sara Nebra, Claudia Abril, Ana Moas, Sara Gimeno. A elas súmanse as voces brancas de Amelia, Aitana, Aroa, Celtia, Grecia e María. Belém Tajes, a creadora da composición, participa tamén nos sintetizadores e recitado inicial.

Aperta conta coas voces consolidadas de Rosa Cedrón, Uxía Senlle e Lucía Pérez, e os sons de pop folk que lle proporcionan Caamaño&Ameixeiras (acordeón e violín), Bea Martínez (arpa céltica), Anaïs Barbier, María Jorge do grupo Caldo (pandeireta e violín) e catro das integrantes de Adufeiras de Salitre (Bea Mariño, Carolina Vázquez, Iria López e María Pardo).

O proxecto conta coa colaboración especial de Genara Méndez, unha das cantareiras de referencia da cultura tradicional galega, en representación de todas as mulleres que serán homenaxeadas o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas.