Nova

A Xunta destaca a necesidade de seguir amosando referentes femininos na ciencia

A responsable autonómica de Igualdade salientou a importancia de que cada vez mais mulleres elixan titulacións relacionadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas


Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou hoxe nunha xornada organizada polo Centro de Investigación Interuniversitario Ecobas (Economics and Business Administration for Society) na Facultade de Económicas e Empresariais da USC, que estivo dirixida por María Loureiro, premio Wonenburguer 2024 e directora do centro actualmente.

Neste encontro, a directora xeral destacou a importancia de traballar en dous focos para seguir diminuíndo a fenda salarial de xénero: por un lado, que cada vez máis mulleres elixan carreiras relacionadas coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas, e ocupen postos de liderado; e, por outro, impulsar a corresponsabilidade.

Neste sentido, María Quintiana explicou que a Xunta está traballando para a incorporación das mulleres en sectores e postos masculinizados, cunha liña de apoios de 1,7 millóns de euros. Así mesmo, sinalou que estas axudas únense ao programa de emprendemento feminino Emega, con 28,5 millóns de euros investidos na última década e no que cada vez hai máis proxectos no eido científico.

Ademais, a directora xeral destacou os 9,4 millóns de euros que se destinan a programas de conciliación corresponsable e a accións de sensibilización nesta materia. Tamén puxo en valor os convenios coas unidades de igualdade das tres universidades galegas para sensibilización tamén nesta materia.