Nova

Avanzan as obras da nova residencia municipal para persoas maiores de Verea financiadas pola Xunta

Terá capacidade para aloxar a 24 persoas en 12 habitacións dobres e disporá de área de actividades e de rehabilitación e consulta médica, entre outros servizos

A actuación forma parte dun Plan de investimentos de 18,5 millóns de euros que está a desenvolver o Goberno galego para fortalecer a rede de centros de atención ás persoas maiores que dependen dos concellos


Verea (Ourense), 7 de marzo de 2025

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, destacou hoxe o reforzo da rede de centros municipais para persoas maiores que está a facer a Xunta de Galicia. Fíxoo durante unha visita ás obras da nova residencia municipal de Verea, que o Executivo autonómico financia con 730.000 euros. 

Perfecto Rodríguez, que estivo acompañado do alcalde, José Antonio Pérez Valado, detallou que o novo centro aloxará a 24 usuarios en 12 habitacións dobres. Ademais, contará cunha área para actividades, rehabilitación e comedor; e outra para administración e consulta médica. Tamén disporá dun terceiro espazo no que se emprazarán os servizos xerais de cociña, lavandaría e roupeiro, entre outros; e por último unha zona residencial cos dormitorios e a sala de enfermaría.

Esta actuación é unha das máis de vinte que a Xunta de Galicia financia ao abeiro do seu Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais de titularidade municipal. Este plan está destinado a concellos rurais de menor poboación para que poidan contar con este tipo de equipamentos e suporá creación de 650 novas prazas públicas de atención residencial e de centro de día. Ademais, foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e ten un orzamento de 18,5 millóns de euros.