Nova
Belén do Campo asiste á presentación da serie de vídeos ‘Moito que ver’ unha iniciativa para concienciar sobre a realidade das persoas con discapacidade visual
O acto tivo lugar na sede da Delegación Territorial da ONCE en Galicia
A Coruña, 6 de marzo de 2025
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu á presentación, por parte da Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE), da serie de vídeos Moito que ver, unha iniciativa que busca concienciar á sociedade sobre a realidade cotiá das persoas con discapacidade visual.
Esta serie, composta por 11 capítulos de entre un e dous minutos de duración, aborda con humor situacións comúns que enfrontan as persoas cegas, ofrecendo pautas sinxelas para fomentar unha convivencia máis inclusiva.
Os vídeos, protagonizados por afiliados da ONCE, mostran escenas que van desde obstáculos urbanos ata barreiras de comunicación, convidando á reflexión sobre como interactuar adecuadamente con persoas con discapacidade visual.
Belén do Campo destacou a importancia desta iniciativa para derrubar prexuízos e promover unha sociedade máis accesible. Salientou que a verdadeira inclusión non consiste en accións extraordinarias, senón en normalizar prácticas que deberían ser habituais para todos.