Nova
A Xunta reforza o programa de recuperación e intervención psicolóxica de mulleres vítimas de violencia de xénero da Fundación Meniños
O Executivo galego destinou desde o 2024 unha achega de máis de 540.000 euros para a execución e desenvolvemento das accións
A Coruña, 6 de marzo de 2025
A Xunta reforza o seu apoio económico ao programa de intervención e recuperación psicolóxica de mulleres vítimas de violencia de xénero que desenvolve a Consellería de Política Social e Igualdade en colaboración coa Fundación Meniños.
Durante a súa visita ás instalacións, Roberto Barba sinalou que o Executivo galego destinou desde o ano pasado máis de 540.000 euros á execución deste programa. Así, no 2024 o financiamento foi de máis de 250.000 euros e neste 2025 a Xunta de Galicia reforza o seu apoio cunha axuda de preto de 290.000 euros.
Neste sentido, o director xeral destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e as entidades sociais para seguir avanzando na loita contra a violencia de xénero. Ao respecto, engadiu que este tipo de iniciativas son fundamentais para garantir a recuperación das vítimas, así como para asesoralas e acompañalas durante o proceso.
Outras iniciativas
Así mesmo, lembrou que a Xunta de Galicia tamén colabora coa Fundación Meniños nun programa de recuperación orientado aos menores vítimas de violencia de xénero na contorna familiar e que a Administración autonómica puxo a disposición dos concellos.
O programa, que conta con persoal experto na atención psicolóxica especializada na atención a nenos e nenas, ten como obxectivo resolver as dificultades emocionais e os problemas relacionados coa ansiedade e a restauración dos vínculos sans.