Nova
A Xunta destaca o compromiso coa igualdade de xénero dos seis centros educativos premiados no concurso de carteis con motivo do 8m
Fabiola García felicitou ás rapazas e rapaces e aos seus docentes por propoñer “mensaxes potentes e que non deixan indiferente a ninguén”
Este ano resultaron galardoadas alumnas e alumnos de tres centros de Ourense e de Vilalba, Lugo e Vigo
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, fixo entrega esta mañá dos premios aos seis centros educativos que resultaron gañadores nas distintas categorías do concurso de carteis convocado pola Xunta con motivo do 8 de marzo, o Día Internacional das Mulleres.
No acto, no que estivo acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e da directora xeral de Innovación e Ordenación Educativa, Judith Fernández, fixo fincapé na calidade e orixinalidade dos traballos presentados nesta edición do certame. A conselleira tamén felicitou ás rapazas e rapaces e aos seus docentes por propoñer “unhas mensaxes potentes e que non deixan a ninguén indiferente”, apostando pola sensibilización e concienciación en todos os ámbitos sociais desde a comunidade educativa.
Concretamente, nesta edición foron premiadas alumnas e alumnos de tres centros de Ourense e de Vilalba, Lugo e Vigo. Tras facer entregar dos premios, a conselleira trasladou os parabéns aos galardoados e ao resto de participantes, ao tempo que recalcou que as obras presentadas “son un moi bo exemplo e unha mostra de que temos unha mocidade comprometida coa igualdade de xénero e o bo trato”.
Neste sentido, lembrou que un dos piares da Xunta de Galicia neste eido é a sensibilización das xeracións máis novas, polo que trasladou o compromiso da Administración autonómica por seguir traballando na igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.
Os traballos premiados
No certame deste ano resultou gañador na primeira categoría un grupo de alumnos de 3º e 4º de Educación Primaria do CEIP Monseivane de Lanzós, no concello de Vilalba, polo seu traballo Que queremos ser de maiores? Iguais. O segundo premio desta categoría recaeu nun grupo de alumnado de 5ª de Educación Infantil do CEIP A Ponte de Ourense, que presentaron a proposta titulada Arela de muller: igualdade e poder.
Na segunda categoría, dirixida a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria, 1º e 2º da ESO e Educación especial, o primeiro premio foi para o cartel titulado Xuntas, presentado por un grupo de alumnado do CEE O Pino de Ourense. O segundo galardón foi para outro grupo de rapaces e rapazas do CEIP Monseivane de Lanzós, en Vilalba, pola súa proposta Camiñando cara a Igualdade. Nesta categoría concedeuse un accésit a un grupo de alumnos do CEE Santa María de Lugo, que presentou a obra Sempre con forza NOSOUTRAS.
Por último, na terceira categoría do certame, o primeiro premio recaeu en estudantes de 3º da ESO do IES Alexandre Bóveda, co cartel A igualdade non é un soño, é un dereito. Ademais, o segundo premio foi para a peza Xuntas somos máis fortes, de 3º da ESO do Colexio Plurilingüe Santa Teresa de Jesús de Ourense.