Nova

Fabiola García destaca a colaboración entre a Xunta e o concello de Muíños para mellorar os recursos de atención a maiores

Fabiola García sinalou que o Executivo Galego conta con 45  prazas públicas para a atención a maiores deste municipio en diferentes recursos


Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, para avaliar a colaboración entre a Xunta e a Administración local nos servizos de atención ás persoas maiores deste concello e seguir colaborando neste eido.

Neste sentido, a conselleira de Política Social e Igualdade lembrou que a Xunta de Galicia financia en Muíños 45 prazas públicas de atención a maiores en diferentes recursos. Ao respecto, tamén engadiu que o pasado ano se destinaron 25.000 euros para financiar os bonos coidado no fogar deste municipio e que supoñen unha achega directa de 5.000 euros a aquelas persoas que prefiren ser coidadas nos seus fogares por unha persoa da súa contorna.

A conselleira tamén destacou a colaboración da Xunta de Galicia na ampliación e mellora da residencia municipal deste concello a través de varios convenios asinados entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a Administración local unha achega económica que ascendeu nos últimos anos a 310.000 euros. Así mesmo, o Executivo galego destinou 55.000 euros no 2024 para contribuír ao financiamento do programa municipal Comedor sobre Rodas, que está destinado a facilitar menús aos veciños dependentes e maiores.

Fabiola García tamén sinalou a importancia de seguir impulsando novos programas de envellecemento activo e saudable para as persoas maiores, especialmente nos concellos máis rurais de Galicia. Así mesmo, indicou que a Xunta de Galicia segue traballando para garantir a mellor atención dos maiores e impulsar a súa autonomía.

Plan Concertado

Durante o encontro, o alcalde e a conselleira abordaron a posibilidade de contratar un novo traballador social para os concellos de Muíños e Lobios, co obxectivo de dar resposta ás necesidades destes municipios marcados pola dispersión poboacional. Ao respecto, Fabiola García trasladoulle a posibilidade de solicitalo a través da convocatoria do Plan Concertado. Nestes momentos, a Xunta de Galicia destina 33.630 euros para sufragar o custo dos dous traballadores sociais que hai actualmente traballando en Muíños.