Nova
A Xunta asina un convenio co Colexio de Xornalistas de Galicia para impulsar novas accións formativas en materia de xénero no sector da comunicación
Roberto Barba destacou que o Executivo galego destina 15.000 euros ao desenvolvemento deste proxecto enmarcado nas accións de loita contra a violencia de xénero
Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2025
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa decana do Colexio de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira, co obxectivo de poñer en marcha diferentes accións formativas para os profesionais da comunicación en materia de perspectiva de xénero.
O director xeral sinalou que o Executivo galego destina 15.000 euros para desenvolver este proxecto que está enmarcado nas accións de loita contra a violencia de xénero e que contempla, entre outras actividades, a realización de seminarios formativos e obradoiros especializados en igualdade e prevención das violencias contra as mulleres
Nesta liña, Roberto Barba fixo fincapé en que un dos obxectivos desta iniciativa é xerar unha rede de formación entre os propios profesionais, de xeito que os propios comunicadores adquiran os coñecementos e ferramentas necesarias para trasladarllo ao resto de persoal dos equipos de traballo.
Así mesmo, sinalou que a través deste convenio dáse resposta a unha das demandas recollidas na lei 7/2023 para a Igualdade real e efectiva de Galicia co que se garante que os profesionais da información adquiran as habilidades e coñecementos necesarios para que, no exercicio da súa profesión transmitan unha imaxe igualitaria e plural non estereotipada das mulleres e homes.
Roberto Barba aproveitou a ocasión para agradecer a colaboración desta entidade e o seu compromiso para acadar unha Galicia máis igualitaria. Así, trasladou o compromiso da Xunta de Galicia para seguir impulsando medidas e avanzar na loita contra a violencia de xénero.