Nova
Fabiola García destaca a colaboración entre a Xunta e o concello de Lousame para mellorar os recursos de atención a maiores
Fabiola García sinalou que o Executivo Galego conta con 45 prazas públicas para a atención a maiores deste municipio en diferentes recursos
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse coa alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, para avaliar a colaboración entre a Xunta e a Administración local nos servizos de atención ás persoas maiores deste concello e seguir colaborando neste eido.
Neste sentido, a conselleira de Política Social e Igualdade lembrou que a Xunta de Galicia financia en Lousame 45 prazas públicas de atención a maiores en diferentes recursos. Ao respecto, tamén engadiu que o pasado ano se destinaron 155.000 euros para financiar os bonos coidado no fogar deste municipio e que supoñen unha achega directa de 5.000 euros a aquelas persoas que prefiren ser coidadas nos seus fogares por unha persoa da súa contorna.
A conselleira tamén destacou a colaboración da Xunta de Galicia na construción do centro de día municipal deste concello a través dunha achega económica de 700.000 euros. Ao respecto, engadiu que ambas Administracións tamén asinaron nos últimos anos diferentes convenios para a posta en marcha de programas dentro do Proxecto integral de envellecemento activo e prevención da dependencia, para o que a Administración Autonómica destinou no último ano 76.000 euros.
Fabiola García tamén sinalou a importancia de seguir impulsando novos programas de envellecemento activo e saudable para as persoas maiores, especialmente nos concellos máis rurais de Galicia. Así mesmo, indicou que a Xunta de Galicia segue traballando para garantir a mellor atención dos maiores e impulsar a súa autonomía.