Nova
A Xunta pon en valor o programa Con-vivindo que acompañou o pasado ano preto dun centenar de maiores da comarca de Ferrolterra
Antón Acevedo destacou que esta iniciativa se desenvolve a través de Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol e que conta coa colaboración do Executivo galego de preto de 145.000 euros de achegas con cargo ao 0,7% do IRPF
Ferrol, 26 de febreiro de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, puxo en valor o programa Con-vivindo de Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol para acompañar aos maiores da contorna e evitar a soidade non desexada. Así o sinalou durante unha visita ao centro cívico San Pablo no que se desenvolven parte das iniciativas que o pasado ano chegaron a preto dun centenar de usuarios.
Durante a visita, na que estivo acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, sinalou a importancia deste programa destinado a combater a soidade non desexada e a previr o illamento social dos maiores. Esta iniciativa contempla a realización de actividades en grupo que fomentan a socialización e axudan a crear novos vínculos entre os participantes.
Antón Acevedo agradeceu o labor dos voluntarios que forman parte deste programa e que organizan as diferentes accións destinadas tamén a fomentar un envellecemento activo e saudable, fundamental para evitar o deterioro cognitivo dos maiores. Nesta liña, o director destacou que a iniciativa conta coa colaboración e o apoio económico da Xunta de Galicia que achegou no último ano preto de 145.000 euros a través das axudas con cargo ao 0,7% do IRPF.
Así mesmo, o director xeral lembrou que o Executivo galego tamén conta con programas orientados a combater a soidade non desexada e mellorar a calidade de vida dos maiores como a iniciativa Benestar en balnearios ou Xuntos polo Nadal. Ao respecto, fixo fincapé na posta en marcha do carné +65 que lles permite obter diferentes descontos e vantaxes en varios sectores como o ocio ou a gastronomía para desfrutar ao máximo esta etapa das súas vidas.