Nova
A Xunta porá en marcha co Concello de San Xoán de Río un programa de inserción sociolaboral para mulleres en situación de vulnerabilidade
Fabiola García sinalou que o Executivo galego colabora con outras iniciativas destinadas a potenciar a dinamización económica do rural
Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2025
A Xunta de Galicia porá en marcha coa colaboración do concello de San Xoán de Río un programa de inserción sociolaboral para mulleres en situación de vulnerabilidade. Así o trasladou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, tras unha reunión co alcalde deste municipio, José Miguel Pérez Blecua.
Neste encontro, no que tamén participou o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, acordaron as bases deste proxecto de colaboración que permitirá realizar accións de capacitación, formación específica para a busca de emprego e asesoramento destinadas a mulleres en risco de exclusión social. Ao respecto, Fabiola García sinalou que o obxectivo desta iniciativa é dotar ás participantes das ferramentas necesarias para facilitar a súa inclusión social.
A conselleira de Política Social e Igualdade tamén aproveitou a ocasión para agradecer o labor do rexedor de San Xoán de Río para mellorar a situación demográfica deste concello e atraer poboación. Así, trasladoulle o compromiso da Xunta de Galicia para seguir impulsando iniciativas e recursos que permitan facilitar a vida dos veciños como as dúas casas do maior que ofrecen un servizo totalmente público e gratuíto de atención ás persoas maiores.
Outros proxectos de colaboración
Fabiola García lembrou que a Xunta de Galicia tamén colabora con entidades sociais para o desenvolvemento de novos proxectos nesta zona e potenciar a dinamización económica do rural. Deste xeito, fixo fincapé no programa FOADOM que desenvolve a Fundación María José Jove nos concellos rurais e que contou con máis dunha vintena de participantes nos concellos de San Xoán de Río e Castro Caldelas.
O programa FOADOM está orientado a mellorar a capacitación das mulleres que viven en zonas de alta dispersión de poboación para impulsar a súa inserción no mercado laboral. Entre as accións que levan a cabo, ofréceselle formación presencial e asesoramento gratuíto para acompañalas en todo o proceso, co obxectivo de ofrecerlle novas oportunidades laborais.
Neste sentido, a conselleira lembrou que esta iniciativa é unha das beneficiadas a través da orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF que a Xunta de Galicia destina ás entidades sociais e que conta cunha achega de máis de 34.000 euros para a súa execución.