Nova
A Xunta pon en valor a importancia de reforzar o intercambio de coñecementos entre a universidade e o terceiro sector
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, inaugurou un foro que busca ser un punto de encontro entre a comunidade académica e as entidades que traballan con persoas en situación de vulnerabilidade
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2025
O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe na inauguración do Foro Galego Universidade-Terceiro Sector, que organiza a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Na súa intervención, destacou a importancia do intercambio de coñecementos e experiencias entre a universidade e as entidades do terceiro sector para optimizar o funcionamento dos servizos sociais.
Este foro pretende ser un punto de encontro entre a comunidade académica e as entidades do terceiro sector que traballan nos procesos de inclusión dos colectivos en situación de vulnerabilidade en Galicia. O obxectivo é establecer sinerxías de colaboración que contribúan á mellora da eficiencia dos procesos de acompañamento das persoas.
Na súa intervención, o director xeral felicitou á Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense por organizar iniciativas que permiten poñer en contacto ao mundo académico co terceiro sector e que que facilitan a mellora do coñecemento, o intercambio de experiencias e a constante innovación en materia de atención social.
No foro debateuse sobre estratexias de investigación, proxectos de aprendizaxe servizo no terceiro sector, mellora da formación universitaria das figuras profesionais da educación e do traballo social, así como outras posibles vías de colaboración compartidas entre a universidade e as organizacións implicadas nos procesos de inclusión social en Galicia.