Nova
A Xunta pon en valor o seu modelo de coidados para garantir un envellecemento activo e saudable entre os maiores
Antón Acevedo destacou que Galicia é unha das rexións máis lonxevas do mundo e sinalou que un dos compromiso do Executivo galego é garantir as mellores políticas sociais e sociosanitarias
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou na mesa redonda Invertir en longevidad: como vamos a vivir 120 años, do foro Invertir en ciencia si es rentable. Durante a súa intervención, puxo en valor o modelo de coidados da Xunta de Galicia para garantir o envellecemento activo e saudable entre os maiores.
Antón Acevedo destacou que Galicia é unha das rexións máis lonxevas do mundo e fixo fincapé en que a medida que avanza o tempo os maiores atópanse nun mellor estado de saúde e forma, polo que, sinalou, forma parte do compromiso do Executivo galego garantir as mellores políticas sociais e sociosanitarias para ofrecer a mellor atención e servizos ás persoas da terceira idade.
Neste sentido, o director xeral explicou que é necesario seguir impulsando medidas que fomenten un envellecemento activo e permitan aos maiores seguir participando en actividades que melloren a súa actividade cognitiva e física. Así, puxo en valor os diferentes programas postos en marcha pola Xunta de Galicia como a iniciativa Benestar en balnearios, o programa Xuntos polo Nadal ou as múltiples accións que se desenvolven nas residencias de maiores e centros sociocomunitarios.
Así mesmo, indicou que a Xunta de Galicia traballa para mellorar a calidade de vida das persoas que viven en centros residenciais a través da implantación, entre outras medidas, de novos sistemas de tecnoloxía avanzada que permiten mellorar a comunicación dos usuarios coas súas familias e co persoal. Outra das iniciativas implantadas é a das consolas interactivas que ofrecen aos maiores actividades lúdicas para mellorar a súa actividade cognitiva e previr as demencias.
Durante a súa intervención, o director xeral trasladou o compromiso do Executivo galego para garantir a mellor atención dos maiores en toda Galicia, independentemente do lugar no que residan e impulsando iniciativas para o seu benestar.