Nova

A Xunta pon en valor o papel das entidades do terceiro sector na loita contra a pobreza e no impulso dunha sociedade máis igualitaria

A posta en marcha do espazo de EspazoCoop Unión de Cooperativas Galegas, EAPN Galicia, a Coordinadora Galega de ONGD e Cooperativa Fiare Banca Ética coincide coa celebración do Día Mundial da Xustiza Social


Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2025

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, asistiron hoxe á inauguración da nova sede en Santiago das entidades Unión de Cooperativas Galegas, EAPN Galicia, a Coordinadora Galega de ONGD e Cooperativa Fiare Banca Ética. O acto coincidiu coa celebración do Día Mundial da Xustiza Social, que se conmemora cada ano para reforzar a defensa da igualdade de oportunidades e dos dereitos humanos.

Na súa intervención, o director xeral de Inclusión Social felicitou ás entidades polo seu traballo diario na loita contra a exclusión social, na defensa dos dereitos das persoas máis vulnerables e promovendo iniciativas transformadoras. Arturo Parrado lembrou que, segundo os últimos datos do INE, Galicia foi a que máis reduciu o risco de pobreza e exclusión social no último ano. Nesta liña, fixo fincapé en que o Executivo galego non se conforma con estas cifras e seguirá traballando para facer de Galicia un referente na inclusión social.

Ademais, destacou o papel do terceiro sector de acción social como “axente fundamental” no desenvolvemento e cohesión social de Galicia, xerando novas oportunidades de emprego para persoas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral. Por último, felicitou ás entidades polo seu traballo na loita contra a pobreza e a exclusión social e trasladoulles o firme compromiso do Executivo galego para seguir traballando man a man co tecido asociativo para facer de Galicia unha comunidade máis inclusiva e igualitaria, unha colaboración que se materializa cun orzamento para esta área que ascende este ano a 131,3 millóns de euros.

Pola súa banda, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, fixo fincapé en que a nova sede compartida polas catro entidades exemplifica á perfección o valor da cooperación implícito na propia economía social, facendo fincapé na importancia de traballar xuntos, sumar esforzos e construír un futuro máis inclusivo e equitativo. A este respecto, subliñou o firme compromiso do Goberno galego co impulso do cooperativismo e da economía social, co obxectivo de que sigan sendo modelos de éxito de emprendemento en Galicia, que xeran emprego de calidade e favorecen a fixación de poboación ao rural, reforzando ademais o tecido emprendedor.

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten orzamentados en economía social para o ano 2025 máis de 44 M€, un 2,77% máis que o ano anterior. Neste marco, impúlsanse, entre outras, convocatorias como o Bono consolida economía social, dotado con 2,73M€ e co prazo aberto actualmente. Con estas achegas, o Executivo autonómico apoia a consolidación das entidades da economía social de Galicia e contribúe a reforzar a súa presenza no tecido económico, con especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética, e ao mesmo tempo impulsa empregos inclusivos e de calidade.