Nova

Os nove centros sociocomunitarios da Xunta na área de Vigo suman máis de 13.000 usuarios anuais e 400 actividades

A delegada territorial, Ana Ortiz, mantivo este mércores un encontro coas directoras dos centros xestionados polo Goberno galego


Vigo, 19 de febreiro de 2025

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, mantivo este mércores unha xuntanza coas directoras e directores dos centros sociocomunitarios da área de Vigo para facer balance do pasado ano e coñecer as actividades que ofertarán en 2025 as instalacións xestionadas polo Goberno galego. 

A representante autonómica destacou que os nove centros dos que a Xunta dispón en Vigo (Rivera Atienza, Bouzas, Coia, Pi y Margall, Teis e O Calvario), Redondela, Baiona e O Porriño mobilizan anualmente a máis de 13.000 usuarios con preto de 400 actividades. 

“Grazas a estas actividades se promove o encontro e socialización dos veciños e o compromiso da Xunta de Galicia é seguir facilitando estes programas e iniciativas que axuden a manter o benestar dos maiores”, sinalou. Ademais, engadiu que “é fundamental ofrecer activiades que fomenten a vida activa das persoas maiores para previr situacións de dependencia e mellorar a súa calidade de vida”. 

A programación de actividades converten estas instalacións no epicentro de ocio dos barrios e inclúen obradoiros temáticos, charlas, clases de ximnasia, ioga, tai chi e pilates, de informática, manualidades, pintura, teatro, poesía ou baile.