Nova

Martina Aneiros reúnese con Asfedro para analizar posibles vías de colaboración para o proxecto de mellora da comunidade terapéutica do Confurco


Ferrol, 19 de febreiro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, recibiu esta mañá no seu despacho á presidenta da Asociación Ferrolá de Drogodependencias (Asfedro), Sari Alabau, coa que mantivo un encontro de traballo para coñecer o punto no que se atopan algúns dos proxectos no que está inmersa actualmente a entidade.

Durante a reunión, na que tamén estiveron presentes a xerente da entidade, Olaia Salorio, e o secretario Francisco Varela abordouse a necesidade de acometer obras de mellora nas instalacións da comunidade terapéutica do Confurco para as que se analizaron posibles vías de colaboración.

Aneiros lembrou que esta mesma semana o Consello da Xunta autorizou a sinatura do convenio de colaboración anual entre esta entidade e o Servizo Galego de Saúde para a asistencia a pacientes con trastornos relacionados coas substancias e outros trastornos adictivos. A achega autonómica este ano é de 1.146.962 euros, orzamento que permitirá a Asfedro continuar coa realización de programas de carácter sociosanitario para axudar ás persoas en situación drogodependencia e as súas familias.