Nova
A Xunta destaca a importancia de reforzar a formación dos profesionais da atención temperá
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou na inauguración dun curso destinado ao persoal da Rede Galega de Atención Temperá
Ames (A Coruña), 14 de febreiro de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asistiu esta tarde á inauguración en Bertamiráns do curso A práctica psicomotriz en atención temperá, que se desenvolverá durante seis fins de semana ata o vindeiro 24 de maio. Esta acción formativa, financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade con cargo ao 0,7% do IRPF, está destinada aos profesionais que traballan ma Rede Galega de Atención Temperá.
A directora xeral puxo en valor a importancia de seguir reforzando a formación continua dos profesionais da rede en todas as áreas necesarias para o desenvolvemento da súa labor. Neste caso, nos aspectos relativos á psicomotricidade, un elemento importante para a atención de moitos nenos que poden presentar algún trastorno no seu desenvolvemento. Neste senso, destacou a importancia de que en Galicia se ofrezan este tipo de actividades que redundan no benestar dos máis pequenos e no seu futuro.
O curso, organizado pola Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), celebrarse ata o mes de maio no CEIP da Maía e combinará sesións nas que se incluirán os ámbitos teóricos e persoais ou vivenciados. O obxectivo é que os profesionais adquiran ferramentas e recursos que faciliten a comprensión, acompañamento e axuste ás necesidades de cada neno.
O Goberno galego aposta firmemente pola atención temperá e por seguir estendendo este servizo por toda Galicia. Hoxe en día, a Xunta inviste 8M€ ao ano en financiar as 51 unidades da Rede Galega de Atención Temperá, repartidas por toda a Comunidade e que dan servizo a máis de 200 concellos e a máis de 5.000 familias.